lunes, 14 de julio de 2014

ATAQUE ESCAMPE o 24 de xullo

As ATAQUE ESCAMPE volven a Sargadelos. O 24 de xullo a iso das 23:00, comezará o concerto do grupo santiagués. Un grupo formado no ambiente universitario da cidade de Santiago de Compostela por rapaces de diferentes zonas do país contra o remate do ano 2001. Nese momento os seus seis membros, Samuel, Pablo, Álex, Dani, Miguel e Roi, comezan a ensaiar de xeito irregular na residencia universitaria do Monte da Condesa, ademais de gravar con pésimos medios (por exemplo, casse...tte) temas de corte folk-rock (o laúde e o violín aparecían ao lado da guitarra eléctrica) que a nivel letrístico unen o experimentalismo con elementos de temática bravú.
      As Ataque Escampe escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n'roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre. Arrástranse desde 2001 polos escenarios, electrificándose de a pouco conforme pasan os anos, mudando de formación e deixando constancia do seu paso pola Terra en formato disco: Galicia es una mierda (2008), A grande evasión (2009), Violentos anos dez (2011), Noites de agosto con Ataque Escampe (2012) ou O disco vermello (2014), entre outros. Do pop ao soul con paradas no krautrock, na cumbia, no dub, no rap, no calipso e onte vostedes queiran se non lles preocupan demasiado a pureza e esas cousas. Perdedores, perdedoras: deixen as miserias na casa e veñan bailar a súa música sen complexos ao campo da festa de α Centauro.

+INFO: http://www.ataqueescampe.org/

No hay comentarios: