jueves, 1 de julio de 2010

O 24 DE XULLO, O GRUPO "A RODA" EN CONCERTO na Romería de Sargadelos

O sábado 24 de xullo, a Romería de Sargadelos terá o privilixio de contar cun dos grupos de música tradicional galega máis laureados e máis populares do noso país. O grupo A RODA, ofrecerá un concerto, dentro da programación da romería, o 24 de xullo a partires das 22:30 na paraxe de Sargadelos.

Este grupo defínese como un grupo de amigos que se xuntaban a cantar arredor dunha mesa redonda na taberna, de aí o nome. Unha época e nun país onde convivía esta tradición tabernaria cos efectos da normalización, que comezaban a dar resultados tamén no eido musical, eido que precisaba ter representación tamén no ámbito da cantiga de taberna. Estes feitos, xunto ao carácter estritamente popular das cantigas galegas que cantaba A Roda.

Na actualidade o grupo A Roda, ademais de conserva-la esencia que caracterizou ao grupo dende o seu berce e de mante-los presupostos do seu xermolo, roda e xira baixo o obxectivo común de non limita-la súa creatividade e inspiración, agroma a necesidade de chegar onde nunca antes chegara, e zumega entre as súas madeiras a intención de facer unha Roda igual de redonda pero máis grande e totémica, se isto é posible.

As últimas gravacións da formación son: LEMBRANZAS (1995) disco recopilatorio. NA BRANCA NOITE (1996), disco que supón unha homenaxe á gran tradición que ten o xénero da panxoliña, así como á importancia que acadou este xénero no conxunto do cancioneiro popular galego e na literatura galega en xeral. ONDE GALICIA É PORTUGAL (1998). R.C. CELTA - A RODA (1999). AÍ O VÉN (1999), disco publicado e editado en colaboración co Xacobeo 99, no que se inclúen dúas cancións autógrafas que A RODA realiza con motivo do mencionado evento. Estas dúas cancións atópanse tamén no recente O SON DO CAMIÑO (2004). Por último cómpre facer mención da recente edición especial que realiza La Voz de Galicia, baixo a colección Son de Galicia do disco PRA OS AMIGOS.

Mais información: www.grupoaroda.com


No hay comentarios: