viernes, 31 de enero de 2014

6 ANOS DE HISTORIA (por Ramón González)



Para a xuventude de Cervo, para moita xente de Cervo, o Santiago de Sargadelos é unha festa tan nosa coma o San Roque -patrón do pobo- ou a Queimada Popular. Como vivimos nesas datas algúns dos momentos máis divertidos e pracenteiros das nosas vidas, uns cantos mozos e mozas xuntámonos alá por 2008 no Caseto de Copa para tratar de reflotar unha romaría que estaba perdendo interese. Contabamos tamén no grupo con algúns nativos, coma Sandra, o que non quitou que houbese quen nos vacilase por organizar os festexos da parroquia veciña... E aí seguimos.

Así surxiu Fervenza de Sargadelos, unha asociación que naceu entre a ilusión de facer cousas e o medo a non dar pagado as facturas (ollo, esa segue sendo unha preocupación prioritaria). Case todos eramos principiantes na organización de eventos e o que máis controlaba era Chopi, que fora músico de orquestra e entre café e café que nos servía aportaba o pouco coñecemento que tiñamos. E falabamos de facer un festival de rock, coma había anos atrás, e traer aos míticos Mallory, ou que A Quenlla ou A Roda viñesen tocar algún día. E falabamos de recuperar os xantares do 25 de xullo, e na medida do posible as acampadas. Desde logo, o entorno das antigas fábricas non podía ser un aliciente máis grande.

Xuntanza tras xuntanza foron saíndo as ideas para financiar a romaría: a Noiteboa Infantil, por exemplo. O primeiro ano case deu perdas -en ningún caso dramáticas- pero os nenos estaban felices, e cos anos foi consolidándose coa axuda de xente coma Felipe “O Caxoto” ou Piru. Hoxe xa é unha pequeniña fonte de ingresos, e ó tempo unha das actividades que máis nos gusta facer. Como a gastronomía é un valor seguro, apostamos tamén pola Festa da Fabada, para a que nos apoiu especialmente a xente do Almacén. Pero home precavido vale por dous, aprendímolo tarde, e na primeira edición quedamos axiña sen existencias. Debía ser divertido (para quen tivese comido) ver as nosas caras rebuscando nas potas baleiras mentres máis e máis xente chegaba a mercar unha ración. Co tempo, fomos mellorando. E vendendo as nosas camisetas, vendendo lotaría, e coa axuda económica dos veciños e das empresas, sen esquecer o apoio das institucións (Concello e Deputación) a cousa colleu forma.

A primeira edición que organizamos, a do 2009, foi inolvidable. Foi a do primeiro Sargadelos Fusión con Snatch, Bytheface, Mallory -por suposto- e O Leo, que deu probablemente un dos concertos máis breves da súa vida. Más Dbs no control de son. A noite seguinte tocou A Quenlla, e a xente bailou coa “Rumboia” e algúns dos máis novos flipamos con “Ter ou ser”. Non eramos tantos, pero tampouco tan poucos, e en calquera caso elixidos. Estivo moi ben. Ah. E a xente baixou o Xunco en colchonetas, coma sempre se fixo.

Para o 2010 redobramos a aposta. As Ataque Escampe deron un concertazo no Fusión para despois meter o Focus nun furado do campo, e cando os sete ou oito que alí estabamos xa pensabamos en chamar á grúa viñeron un tipo de Espiñerido e outro de Viladesuso a sacar o coche sen ningún problema. Aquel ano tamén actuaron Sacha na Horta, Mallory e Recambios Tucho, “premio do público”. A Roda, co inolvidable Fito no mando das operacións, fixo que houbese na festa tanta xente bailando e cantando como nos nosos mellores soños.

O 2011 foi o ano de Berrogüetto, aquel ano no que o campo da festa estaba cheo e case non coñeciamos a ninguén (unha sensación extraña e marabillosa). Ao final, coñecidos e menos coñecidos acabamos montando un baile entre expertos e absolutos negados (roda!!!) no que case temos que dar un parte de feridos. Tamén foi o ano no que a xente botou un pé coa Requinta da Laxeira durante a festa gastronómica, algo que (iso si) non chegamos a soñar nunca: que a música se impuxese (momentaneamente) á panceta. Os nosos habituais colaboradores nas brasas, sempre fieis, puideron tomar un respiro. E foi o Sargadelos Fusión -o terceiro- no que os Medomedá rebentaron a gargalladas ao público. Naquela edición tamén estiveron con nós Clan Maragato, Remakers e Falperrys.

No 2012, a chuvia desluciu (pero só un pouco) a emocionante actuación de Treixadura. Para o Fusión recurrimos a vellos amigos como Medomedá e Recambios Tucho, ademais de Los Eternos (“que bos son estes tíos”, escoitábase por alí) e The Brosas, que pecharon o festi a ritmo de (como diría Rubén) macarrada fina.

Na edición de 2013 só houbo festa un día, no que tocaron A Requinta da Laxeira, pois suspendimos os actos polo accidente de tren de Angrois.

Durante estes anos tamén puxeron a bailar á tropa toda os dúos, tríos, grupos e orquestras que contratamos: Acuarela, Chingla & Salva, Samil, Fusión, Vivarium, Costa do Mar, Alma Latina e EpoK.

Pero sobre todo, quen máis contribuiu a animar o cotarro fóstedes vós, que viñestedes a facer grande a festa e divertirvos. Por iso dámosvos as gracias e agardamos vervos no campo, outro ano máis, en 2014.

No hay comentarios: